Rañolas - Blog do EDLG do IES OTERO PEDRAYO

xoves, 1 de febreiro de 2018

VISITA Á RIBEIRA SACRA

Esta visita xira entorno ó mundo monástico da Idade Media, polo que visitamos algúns dos mosteiros da Ribeira Sacra (San Pedro de Rochas, Santa María de Montederramo e Santa Cristina de Ribas de Sil) todo isto adobado con xogos relativos que fixeron esta viaxe máis amena e interesante.

A nosa primeira parada foi no mosteiro de San Pedro de Rochas, que como o seu nome indica, foi construído na rocha e fundado por un ermitán. Alí descubrimos a historia do lobishome, que fora o primeiro caso documentado dun asasino en serie en Galicia.

A segunda parada desta viaxe foi en Montederramo, para facer unha visita ao seu mosteiro. Chamounos moito a atención a súa monumentalidade, e tamén o estado de abandono no que se atopa. O seu interese histórico é incuestionable aínda que moitas veces quedámonos con anécdotas, pois albergou un IES, e no seu lateral esquerdo presenta unha fenda na parede, moi considerable, que é a ferida do terremoto de Lisboa ocorrido hai xa varios séculos e que tivo no mosteiro unha grande pegada.

Puidemos comproba-la restauración do coro, sentámonos nel e comprobamos por fotografías o estado lamentable, practicamente ruinoso, no que estaba e como quedou despois da restauración. Estando alí, fixemos un pequeno concurso por equipos, no que tiñamos que atopar a un frade e responderlle a preguntas sobre a Ribeira Sacra, como a DO do viño desa zona, cantos
mosteiros había ou os estilos das igrexas dos mosteiros. Aproveitando que xa era tarde, paramos a comer e despois emprendemos camiño para o último destino: o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil. Durante esta última viaxe, vimos unha paisaxe espectacular do Canón do Sil, a pesar de non facer bo día. Puidemos aprender o estilo románico prevalece no conxunto, subir ó campanario e pasear polas dependencias, imaxinando como sería a vida destes monxes cistercienses durante a Idade Media.

Sen lugar a dubida recomendaría esta excursión para facer nunha fin de semana de primavera ou verán. Aprendes un montón de cousas e enriquéceste de historia sen necesidade de saír da provincia. Estas viaxes poñen de manifesto o gran tesouro cultural que agocha a nosa provincia, e que moitas veces somos os propios ourensáns os que máis o descoñecemos e valoramos.
  


Podedes ver o resto de fotos aquí


Leila Durán Traveso 2º ESO C

Ningún comentario:

Publicar un comentario