Rañolas - Blog do EDLG do IES OTERO PEDRAYO

venres, 19 de xaneiro de 2018

IN TEMPORE SUEBORUM



Dende o 15 de decembro de 2017, estásenos a brindar en Ourense unha oportunidade única para coñecer máis sobre as nosas raíces e a nosa cultura. Unha grande exposición dedicada aos suevos está tendo lugar en tres localizacións desta cidade: no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", na Igrexa de Santa María Nai e no Museo Municipal de Ourense.



A través dun total de 262 pezas procedentes de 39 museos de 10 países e grazas a un equipo de 60 investigadores podémonos achegar á historia comprendida entre os séculos IV e VI, comezando coas Grandes Migracións Bárbaras por toda Europa e rematando coa importancia que tiveron na Gallaecia estes grandes descoñecidos para nós. É a primeira exposición monográfica sobre os suevos en Galicia e é a primeira vez que se reúne un número semellante de obxectos suevos en Europa, polo que non hai dúbida de que é unha unha ocasión sen precedentes.
A exposición estará con nós ata o 4 de marzo de 2018, co luxo de ter unha visita guiada cada día ás 18:30.

A exposición divídese en tres subtemas que se localizan nos distintos lugares nos que está repartida:

1.- Centro Cultural "Marcos Valcárcel"- Na primeira zona da visita atopamos a parte chamada Deconstruíndo aos bárbaros entre o mito e a realidade. Comezando pola convivencia que había entre os distintos pobos xermánicos e os romanos antes das Grandes Migracións Bárbaras, esta é unha presentación do pobo suevo baseándonos nos xacementos atopados en distintos países e póndoos en contraposición co que din os historiadores romanos, que non daban unha visión obxectiva deles. Grazas, sobre todo, ao mundo funerario podemos "deconstruír" os estereotipos sobre os bárbaros e achegarnos á veracidade histórica. Seguindo as migracións chegamos á creación do Reino Suevo na zona chamada Gallaecia polos romanos. Este foi o primeiro reino medieval de Occidente e comprendeu toda a Gallaecia e as áreas colindantes entre os anos 411 e 585.

2.- Igrexa de Santa María Nai- Aquí atopamos a zona chamada Cristianización e territorio da Gallaecia da época sueva. Cando os distintos pobos xermánicos chegaron á Gallaecia, o Cristianismo era coñecido debido á poboación hispano-romana que acatara o "Edicto de Milán". Sen embargo, os habitantes galaico-romanos achábase nunha fase na que o culto cristián convivía coas prácticas pagás. Nesta parte da exposición vemos como os suevos adoptaran un cristianismo menos sincrético que lles axudaba a manter unha diferenciación socio-política. Estas crenzas arraigaron con forza na Gallaecia sueva e as construcións vencelladas ás elites cristiáns aumentaron.

3.-Museo Municipal de Ourense- O último tema que se presenta é chamado Convivindo cos suevos na Gallaecia. A exposición nesta parte consta de pezas maioritariamente de procedencia galega e afonda nas transformacións que puido causar a chegada dos suevos e o seu contacto coa poboación galaico-romana. A influencia deste pobo case non é visible en núcleos de poboación rurais salvo pola aparición de elementos de carácter cristián. Sen embargo é moito máis potente en ámbitos urbanos (civitas) onde a chegada de sedes episcopais cambiaría a idea de urbe sendo o xermolo da cidade medieval, creando á súa vez, unha gran forza cristianizadora.


A calidade e abundancia de pezas que están presentes nesta exposición convértena nunha xoia que imos gardar temporalmente na cidade de Ourense.  Así mesmo, a importancia da Gallaecia sueva, da que ignoramos tantísimo os propios galegos, trazan o camiño perfecto para comezar a nos redescubrir e valorar como pobo admirable e forte. Anímovos a todos a achegarvos e a que aproveitedes esta valiosa oportunidade.


CRISTINA GUILERA IGLESIAS 1º BACH F

Ningún comentario:

Publicar un comentario